jueves, 1 de marzo de 2012

Afirma Pereira


Afirma Pereira, Antonio Tabucchi.

 4º ESO e 1º Bacharelato.



En 1994 o escritor italiano Antonio Tabucchi (Vecchiano, 1943) publicou a novela "Afirma Pereira" (Anagrama, 1998), recoñecida como unha das grandes obras literarias do noso tempo. A crítica destacou neste relato(ambientado en 1938, no Portugal da tiranía salazarista) a reflexión sobre a liberdade e as ditaduras, o logrado e carismático protagonista (un vello xornalista obsesionado coa morte) e aspectos técnicos como "a eficacia do estilo, a perfecta arquitectura e esencial economía da exposición" (Mario Vargas Llosa). O libro obtivo varios premios, converteuse en éxito mundial e tivo unha axustada versión fílmica (Roberto Faenza, 1996) protagonizada por un entrañable Marcello Mastroianni pouco antes da súa morte.
Recordemos a trama. Pereira, encargado da sección cultural dun vespertino oficialista, contrata ao mozo Monteiro Rossi como axudante. Rossi e a súa noiva Marta son activistas de esquerda, en campaña contra as ditaduras e o fascismo que ameazaban por entón toda Europa. Indiferente a estes acontecementos, Pereira sente unha especial simpatía pola parella e aos poucos vaise involucrando nas súas actividades, primeiro apoiándoos economicamente e despois ocultando ao mozo (perseguido pola policía) na súa propia casa. Ao final, Pereira denuncia no seu xornal os crimes da ditadura.


Máis que contar esta historia ou facer un retrato de época, Tabucchi enfoca a novela na evolución de Pereira, o seu arrepentimento logo dunha vida de intelectual encerrado na súa torre de marfil. Para plasmar este cambio, mostra detalladamente as ideas e emocións do personaxe, así como a súa rutina diaria, desde a afección ás tortillas e limonadas ata a costume de conversar co retrato da súa defunta esposa. Este material tan persoal e subxectivo chéganos a través dun narrador peculiar, aparentemente un policía ou amanuense xudicial que transcribe o testemuño do protagonista, interrompéndoo reiteradamente coas palabras "Afirma Pereira que...".




No hay comentarios:

Publicar un comentario